DHU Vila de Sarria. 11 e 12 de xullo
O DHU Vila de Sarria regresa esta fin de semana
Sarria volverá ser esta fin de semana o escenario dunha das citas máis destacadas do calendario galego de descenso urbano coa celebración do DHU Vila de Sarria, que terá lugar os días 11 e 12 de xullo.
A competición reunirá a destacados especialistas desta disciplina, que percorrerán un esixente circuíto urbano no que combinarán velocidade, precisión e técnica, aproveitando o desnivel e distintos elementos da contorna da vila para ofrecer un auténtico espectáculo ao público.
Como principal novidade desta edición, a meta cambia de localización e o percorrido rematará na Praza da Vila.
Como antesala da proba principal, o sábado 11 de xullo celebrarase tamén o Mini DHU Vila de Sarria, unha competición dirixida ás categorías de base, na que os máis novos poderán demostrar o seu talento e seguir fomentando a práctica deste deporte.
O Concello de Sarria anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse aos distintos puntos do percorrido para desfrutar dunha fin de semana na que o deporte, o espectáculo e o patrimonio urbano volverán ir da man nun dos eventos máis singulares do verán.
AVISO IMPORTANTE | MODIFICACIÓNS DE TRÁFICO
Con motivo da celebración do XIII DHU Vila de Sarria 2026, durante esta fin de semana haberá cambios na circulación nalgunhas rúas da vila.
* A rúa Rosalía de Castro pasará a ter sentido de circulación contrario ao habitual desde as 15:30 horas do venres 10 de xullo ata o domingo 12 de xullo.
* Permanecerán totalmente pechadas ao tráfico:
· Rúa Conde de Lemos
· Rúa Maior
· Rúa Marqués de Ugena
Sigan en todo momento as indicacións da Policía Local e respecten a sinalización provisional.
Para calquera incidencia ou consulta: Policía Local de Sarria, 982 530 850
* Pregamos a veciñanza e ás persoas condutoras que extremen a precaución, respecten a sinalización provisional e planifiquen os seus desprazamentos con antelación.
Agradecemos a vosa comprensión e colaboración para que este gran evento deportivo se desenvolva con total seguridade.
Grazas por facer de Sarria unha referencia do descenso urbano.

