A eclipse da túa vida
Chegou o gran dia!
Este mércores, 12 de agosto viviremos o primeiro dos tres eclipses que visitarán a península ata 2028, e este é o único que será total en Sarria, polo que é unha oportunidade para ver desde a nosa casa o fenómeno máis increíble que podemos vivir.
Poderemos vivir un momento único, misterioso e máxico coa nosa familia, amigos e veciños.
Eso sí, moita precaución, e sempre coas gafas, que únicamente quitaremos no 1:14 que durará a totalidade.
Por este motivo o concello de Sarria porá en marcha un dispositivo especial de tráfico, seguridade e emerxencias con motivo da xornada de observación do eclipse solar do próximo 12 de agosto en San Marco, un evento que tamén coincidirá coa observación das Perseidas durante a noite.
O operativo comezará ás 13:00 horas do día 12 e incluirá un dispositivo específico de regulación do tráfico, con sinalización desde o casco urbano ata San Marco, habilitación de zonas de estacionamento e coordinación de todos os servizos municipais implicados.
O concelleiro de Seguridade e Emerxencias, Félix Seijas, destacou que “o obxectivo é que todas as persoas poidan gozar deste evento astronómico con tranquilidade, seguridade e unha boa organización, minimizando as molestias e garantindo a atención ante calquera incidencia”.
O Concello agradece moito a colaboración e a boa predisposición dos veciños da parroquia de San Miguel de Biville.
Durante toda a xornada haberá presenza da Policía Local e de Protección Civil, que atenderán as necesidades de mobilidade, información e asistencia. Ademais, o dispositivo contará cunha carroceta de apoio e cunha ambulancia, co fin de reforzar a capacidade de resposta ante calquera eventualidade.
O Concello instalará tamén un stand institucional, onde se repartirán gafas homologadas para a observación do eclipse a aquelas persoas que non dispoñan delas, ata esgotar existencias.
Félix Seijas fixo un chamamento á participación da cidadanía: “Queremos que San Marco sexa un punto de encontro para familias, nenos, maiores e visitantes. É unha oportunidade única para vivir un fenómeno excepcional desde un dos mellores miradoiros do noso concello”.
O responsable municipal insistiu especialmente na importancia de extremar a atención cos nenos e nenas, tanto durante a observación do eclipse como nos desprazamentos e nas zonas de estacionamento.
Así mesmo, recomendou prudencia para aquelas persoas que decidan permanecer en San Marco ata a noite para observar as Perseidas, xa que se trata dunha zona con escasa iluminación, polo que se aconsella levar lanterna, roupa de abrigo e actuar con especial precaución nos desprazamentos.
O Concello lembra tamén que está totalmente prohibido facer lume e pide a máxima colaboración para preservar o entorno natural de San Marco. Tamén rogamos que non fumedes, pero se eso é moi moi difícil teredes á vosa disposición uns cinceiros que a Concellería de Medio Ambiente distribuirá ata esgotar existencias e que podedes compartir.
“Pedimos responsabilidade, paciencia e colaboración coas indicacións dos servizos de seguridade. Entre todos podemos facer que esta sexa unha xornada memorable para Sarria”, concluíu Félix Seijas.
O dispositivo especial permanecerá operativo desde as 13:00 horas do 12 de agosto e estará coordinado pola Concellería de Seguridade e Emerxencias do Concello de Sarria, en colaboración coa Policía Local, Protección Civil e os servizos sanitarios.

