Pasaxes do Camiño. Un percorrido cultural inmersivo
Sarria acollerá o 24 de novembro unha nova xornada de «Pasaxes do Camiño», unha experiencia inmersiva para descubrir o patrimonio do Camiño de Santiago.
A iniciativa, enmarcada no programa O teu Xacobeo, ofrecerá dúas actividades gratuítas: unha sesión para persoas maiores pola mañá e unha xornada aberta a toda a cidadanía na Casa da Cultura pola tarde.
O Concello de Sarria acollerá unha nova parada de Pasaxes do Camiño, un proxecto cultural promovido pola empresa galega Wireless Galicia, en colaboración co Concello de Sarria, que combina patrimonio, tecnoloxía e realidade virtual para ofrecer unha maneira diferente de descubrir o Camiño de Santiago. As persoas participantes poderán utilizar lentes de realidade virtual para explorar paisaxes e lugares de interese cultural e natural, cunha experiencia que permite achegar o patrimonio xacobeo a públicos de todas as idades.
A iniciativa, desenvolvida no marco do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, propón unha viaxe inmersiva por diferentes espazos emblemáticos do Camiño ao seu paso por Sarria, Santiago de Compostela, Dumbría, Muxía e Fisterra, mediante fotografías e vídeos en 360º.
A primeira actividade terá lugar na Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, de 11:00 a 12:30 horas, onde as persoas residentes poderán gozar dunha sesión de realidade virtual adaptada ás súas necesidades e acompañada por persoal de apoio.
Esta proposta busca facilitar o acceso ao patrimonio do Camiño de Santiago a persoas maiores ou con dificultades de mobilidade, permitíndolles descubrir ou volver visitar lugares emblemáticos sen necesidade de desprazarse.
A actividade contará tamén cun photocall no que as persoas participantes poderán facer unha fotografía de lembranza e recibir un chaveiro conmemorativo do Ano Xacobeo.
Xa pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, a Casa da Cultura de Sarria acollerá unha xornada aberta a toda a cidadanía, na que veciñanza, familias, mocidade e visitantes poderán participar gratuitamente nesta experiencia inmersiva.
A través das lentes de realidade virtual, as persoas asistentes poderán percorrer diferentes paisaxes e espazos patrimoniais do Camiño, incluíndo experiencias en vídeo 360º en lugares tan representativos como o Faro de Fisterra ou a fervenza do Ézaro. Ademais, a actividade contará cun photocall para levar unha fotografía de lembranza e chaveiros de agasallo para as persoas participantes. A participación será totalmente gratuíta e aberta a persoas de todas as idades.

